Solicitude de información
Información xeral
A información xeral ten por obxecto ofrecer á cidadanía unha visión global, homoxénea e sistematizada da actividade do sector público autonómico integrado pola Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais.
En concreto, comprenderá información sobre:
- A estrutura organizativa e o ámbito competencial, incluíndo o directorio dos órganos, servizos e unidades, así como os seus horarios.
- A guía de procedementos e servizos do sector público autonómico, a súa finalidade, lexislación aplicable, requisitos e documentación necesaria para a súa tramitación, así como o órgano responsable da súa xestión, indicando o enderezo, o teléfono e os demais medios de comunicación de que se dispoña.
- A tramitación electrónica dos procedementos, indicando a unidade responsable á que debe dirixirse a solicitude, os documentos necesarios para a súa tramitación, os prazos, a necesidade de aboamento de taxas, se for necesario, así como os modelos normalizados dispoñibles.
- As convocatorias de ofertas públicas de emprego do sector público autonómico e o seguimento do proceso.
- As subvencións e axudas que convoque a Comunidade autónoma de Galicia, nas cales se incluirán os datos básicos previstos nos respectivos procedementos e se destacarán visiblemente os prazos, os requisitos e os medios de información complementarios, así como a convocatoria e os modelos normalizados.
- Os pregos de condicións que rexen as contratacións do sector público autonómico.
- En xeral, calquera outro dato que a cidadanía teña dereito a coñecer na súa relación co sector público autonómico no seu conxunto ou con algún dos seus eidos de actuación e que non teña o carácter de información particular.
Esta información será proporcionada polo Sistema Único de Rexistro ou polo teléfono 012.
Descrición do servizo de información xeral
- Electrónica: a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica para información xeral
- Telefónica: a través do teléfono 012. Pode consultar os servizos concretos que ofrece e o seu horario e tarifas.
- Presencial: cubrindo o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica para información xeral
Información particular
A información particular, que só poderá ser facilitada ás persoas que teñan a condición de interesadas ou ao seu representante legal, versa sobre o estado de tramitación ou contido dun procedemento administrativo.
Esta información será proporcionada polo correspondente órgano xestor.
Descrición do servizo de información particular
- Electrónica: a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica para información particular
- Presencial: cubrindo o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica para información particular
Acceso á información pública
Enténdese por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que consten en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de transparencia e bo goberno e que fosen elaborados ou adquiridos en exercicio das súas funcións.
Así mesmo, considerarase información pública a producida polas entidades que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas, nos termos previstos no artigo 4 da devandita Lei.
Para formular unha solicitude de acceso á información pública pode consultarse a información relacionada nesta páxina do portal de Transparencia e Goberno aberto.